Xornadas Enreguéifate para o fomento e aproveitamento educativo da improvisación oral

As Xornadas Enreguéifate son eventos formativos destinados a docentes que desexen achegarse ao mundo da improvisación oral en verso e coñecer as súas múltiples potencialidades educativas.

A edición deste curso 2023-24 terá lugar en Santiago de Compostela o venres, 6 de outubro de 2023. Consulta toda a información e inscríbete na seguinte ligazón.

Edicións anteriores

O 17 de febreiro de 2018 celebrouse no Fórum Carballo a ‘Xornada Enreguéifate para o fomento e aproveitamento educativo da improvisación oral’. Neste evento organizado polo concello carballés participaron unhas 70 persoas, tanto docentes coma non docentes, que puideron achegarse ao mundo da improvisación oral en verso e coñecer as súas múltiples potencialidades educativas.

Ao longo deste día interviñeron diversas persoas con experiencia na educación e no repente: Alba María, Antonio de Xornes, Lupe Blanco, Manolo Maseda, Sara Marchena e Séchu Sende. Nos seus relatorios abeiraron a regueifa en relación coa educación, coa lingua, coa igualdade ou coa transformación social. Así mesmo, incidiron no seu pasado e presente na comarca bergantiñá e fixeron un percorrido polas diferentes expresións da improvisación oral en verso en Galicia e noutros lugares do mundo. Pechando a Xornada celebrouse unha foliada regueifeira na taberna O Mexillón, que contou cunha ampla participación do público.

Nesta ligazón podes ver unha galería de imaxes do evento.