O venres, 14 de novembro de 2025, celebramos a xornada formativa para profesorado desta novena edición do Enreguéifate no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en Ames.
Con Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira ao mando desta nave da regueifa, máis de 30 docentes de toda Galicia embarcaron con nós para explorar o universo da improvisación oral en verso.
Nesta ligazón podes ver un resumo da actividade.
Edicións anteriores
O venres, 18 de outubro de 2024, nas escolas do Xardín Agra de Caldas (Carballo) tivo lugar a actividade formativa para profesorado correspondente á VIII Edición do Enreguéifate.
Con Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira ao mando, as e os docentes fornecéronse de recursos materiais e inmateriais e descubriron as claves para traballar a regueifa co alumnado tanto fóra como dentro do proxecto Enreguéifate, ademais de desfrutar dunha deliciosa regueifa.

O venres, 6 de outubro de 2023, a actividade formativa para profesorado tivo lugar no Espazo Apego de Compostela. Unha formación destinada ao profesorado para afondar na maneira de aplicar a regueifa nas aulas.
A formación, á que acudieron preto de 40 docentes, contou coa participación de Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira e rematou cunha cea na Casa do Taberneiro, en Compostela.
Nesta ligazón podes ver un resumo da xornada.

O venres, 14 de outubro de 2022, tivo lugar no Espazo Apego de Compostela un obradoiro destinado ao profesorado co obxectivo de responder á pregunta “para que serve a regueifa nas aulas?”.
A formación contou coa participación de Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e O Rabelo e rematou cunha cea na Casa do Taberneiro, en Compostela.

O 17 de febreiro de 2018 celebrouse no Fórum Carballo a ‘Xornada Enreguéifate para o fomento e aproveitamento educativo da improvisación oral’. Neste evento organizado polo concello carballés participaron unhas 70 persoas, tanto docentes coma non docentes, que puideron achegarse ao mundo da improvisación oral en verso e coñecer as súas múltiples potencialidades educativas.
Ao longo deste día interviñeron diversas persoas con experiencia na educación e no repente: Alba María, Antonio de Xornes, Lupe Blanco, Manolo Maseda, Sara Marchena e Séchu Sende. Nos seus relatorios abeiraron a regueifa en relación coa educación, coa lingua, coa igualdade ou coa transformación social. Así mesmo, incidiron no seu pasado e presente na comarca bergantiñá e fixeron un percorrido polas diferentes expresións da improvisación oral en verso en Galicia e noutros lugares do mundo. Pechando a Xornada celebrouse unha foliada regueifeira na taberna O Mexillón, que contou cunha ampla participación do público.
Nesta ligazón podes ver unha galería de imaxes do evento.
